All posts by Soledad Castro Soliño

De repaso

– De que quedaches?

a pregunta facíaa o meu sobriño a propósito dunha competición. Ten dez anos e a inxenuidade nos ollos de neno.

Eu contestei que mal me fora, que saíu unha mala carreira.
-Non sempre se gana,a veces tamén se perde. -dicía el.
Pero eu nada perdín, sempre gañas algo ou a alguén.
– Non perdín,gañei ás que quedaron detrás miña.
– E se quedas de última?
-Pois gañas a todas aquelas que non correron, gañas o posto último.
Non quedou moi convencido pero as palabras estiveron aí.
E elas deron en teimar valores e conceptos, na relatividade e interpretación de feitos e cousas.
Eis:
O atletismo é na súa esencia un deporte individual, a loita e a rivalidade realízanse e residen nun mesmo. Detrás dunha liña de saída, agardando o estrondo da pistola, sitúanse corpos coa ansia de correr o máis rápido posible, uns chegarán antes, outros máis despois e algúns e moitos outros aínda máis despois. Para facer un podium en tres, é preciso ter tres, pero máis grande ha ser o tres cantos máis números o acompañen, ou cánto máis valor veña dado entre distancia e tempo. Parte do atletismo aposta pola matemática: números, sumas, restas…a outra parte insasible pero imprescindiblemente presente responde a un compoñente de valores, intencións e metas. A dualidade resólvese na consideración relativa e subxectiva de números e postos. E os valores engadidos son certamente os que fan grande este deporte. Ás veces na escala de valores un 1 pouco significa e satisface, outras pola contra un non 1 pode representar un grande premio.

Na competición todos levamos os mesmos deberes e dereitos a afacernos co posto primeiro, non existe fórmula nin precedente que garanta a vitoria certa: participamos, corremos e a suposta superioridade pode devir en mentira, porque non vén sendo verdade ata atravesar a liña de meta, e é preciso loitala, non hai postos reservados nin previamente concedidos. Abandonar a competición por non ir cumprindo as perspectivas iniciais pode ser definido como un acto fácil e covarde, e mesmo como desestimar aos rivais. Só é preciso asumir e asumirse, e tirar das circunstancias a aprendizaxe que poida remediarnos na vindeira competición. O sabor vacío do abandono quizáis resulte máis amargo queraiba da decepción dun resultado, da sensación de relativo fracaso.

Sempre se gaña porque as vitorias escríbense dende a constancia, en sucesión de malos e bos momentos. Se nada máis se puido acadar, só é preciso un sorriso de resignación que recompense o esforzo e gañaremos intencións de superarnos. De nada vale lamentar e inventar postos ou posibilidades que non son e non foron por circunstancias enrevesadas, reviradas ou fallidas…involuntarias.

Xa se sabe que todo isto non son máis que tópicos manidos e reiterados, pero pode acontecer que de tan supostos acabemos por ignoralos, e non ter porque ser malo ou nocivo recordalo nin mencionalo

Crónica en Castrelos

          E foi un Abril máis para a carreira do Castro-San Miguel «Trofeo NovacaixaGalicia», e foi Castrelos tomado por pequenos e grandes atletas: nenos, rapazas, nenas, rapaces, nais, pais e outras xentes diversas: acompañantes, familiares, espectadores, viandantes, curiosos, participantes e organizantes. Tamén foi o sol, acaendo de máis en máis para lustrar a mañá e ser testemuña de primavera.

         Pode que para moitos veña sendo unha referencia necesaria no seu calendario, para compartir un día distinto, para sentir o aplauso merecido, para ofrecer os ánimos insinuados ou simplemente para estar e contemplar. Pode supoñer unha xornada iniciática, unha consolidación ou unha continuación…pero de certo que non deixa indiferente. Pode significar a renuncia de moitos, e á vez a introdución e preludio doutros moitos. A oportunidade está aí, e dun xeito mellor ou algo peor merece a pena aproveitala.
         Convocados foron escolares, pais e nais para participar e a resposta foi agradecida. Moitos corpos buliron tras unha liña de saída, nerviosos, ansiosos, desconcertados, medoñentos, ilusionados, animados e animosos. E foron moitos os que atravesaron a meta coa recompensa agardando: o afecto, un bico, unha medalla, o recoñecemento. Ata aquí o abstracto.
          En concreto negativo, cuestionamos a entrega de dorsais, que preocupou a axudantes e participantes, outro xeito de entrega podería ser reconsiderado evitando posibles aglomeracións e nerviosismo. Tamén preguntaremos aos benxamíns que tiveron ensaio e función; correr sen e con pistoletazo, ás veces pasan cousas evitables ou inevitables, pero de certo que o cabreo de moitos estivo aí. Agardaremos non ter que recorrer máis nunca a unha «real moviola».
          En concreto positivo houbo moita medalla colgada, que perdurou colgada, co orgullo de simplemente gañala prescindindo dun posto máis ou menos alá. O aprezo a este merecemento significa e fai o camiño máis idóneo e doado cara o futuro. O afán de superación e triunfo, xa virá de seu, aos poucos… Esperamos máis edicións melloradas, mellorables, e perfeccionadas e que a primavera siga a traer de ano en ano, o cros dun domingo de Abril e que o sol se achegue para saúdar, fóra e dentro. Recóllense as distintas clasificacións, elas son a testemuña primeira da numerosa resposta recibida. Que así siga sendo.  
Las fotos corresponden a las dos carreras más pequeñas, la de niños justo antes de salir y las niñas justo despues de llegar, por los dorsales se pueden identificar en los resultados.

Paisaxes do domingo


Será este domingo, día 28 de Novembro.Acontecerá de xeito distinto, en e con diferente paisaxe exterior e interior. A exterior xa foi anunciada no seu día; clausurou un circuíto coa edición anterior, inaugúrase un novo marco de acollida neste número trinta e dous de celebración. A distinta paisaxe interior séntese e contémplase dende as circunstancias de Equipo: dende os atletas que somos do Comesaña Sporting Club, dende a Xunta directiva e toda aquela xente que vén contribuíndo a escribir con letras e números GRANDES o nome do Club.
Nalgún tempo fun unha unidade, hoxe compráceme ser unha integrante máis, acompañada de nomes masculinos e femininos, vestir a camiseta e saber que outros moitos e moitas andarán a facer o mesmo para colocarse na liña de meta; escoitar por megafonía o nome do Club reiterado e reiterado…e sentir unha nova dimensión.
A miña benvida, para todos o incorporados e reincorporados, e quero expresala porque algo me andaba buligando no sentir se nada dicía.
Agora xa podo acougar
e Boas carreiras para o Comesaña e non sei se Boa chuvia, vento e barro.

Campionato Galego de Medio Maratón

Impotencia, si, esa foi a sensación, que gradualmente ía emanando do tempo e da distancia. A terra e o asfalto superaron a resignación do corpo disposto a ser aliado, non vítima.. Non houbo concesión ; remataron os pés fartos de subir sen respiro, de baixar en precipicio; os ollos atrapados pola paisaxe, consideraban o equilibrio entre o esforzo e o disfrute; as pernas, coitadas, aprenderon a paciencia de prescindir de ritmos, tempos ou marcas posibles, empurradas pola vontade e ilusión de malia todo ,ser dignas dunha merecida meta.
Aconteceu en A Rúa de Petín: pedra, auga, verde e sol acompañaron un circuíto que se inscribirá con historia, porque ofreceu sen miramentos unha dureza e dificultade extremas. A recompensa máis agradecida acaeu na xente e nas actitudes: participantes, organizadores, acompañantes, animantes e outros transeúntes…a afabilidade e preocupación mesmo poden anular o efecto impotencia. Noraboa pola iniciativa, polo traballo e por térmonos ofrecido a atención que fai grande ao Atletismo. E que as próximas edicións veñan rebaixadas de montaña, para albiscar máis claros e accesibles horizontes.
Aconteceu tamén que sempre hai cabida para feitos que ofuscan e amargan unha mañá soleada:

O máis triste para un atleta, para un equipo vén sendo a ausencia de recoñecemento ou a indiferenza ante a súa vitoria, ante un posto acadado. Neste campionato houbo tristura.
Non sei se hai resposta para tan complicada cuestión, pero ao Comesaña cómprelle, porque mobilizou e desprazou para participar, un esmerado equipo feminino e por primeira vez un completo equipo masculino.

E a clasificación do Campionato Galego de Medio Maratón por Equipos?

Ao mellor só hai silencio; ao mellor din que en ningures se recollía tal denominación, mais diríase que tampouco se anunciaba un campionato veterán e seica si foi recoñecido.
Un interrogante aberto, que a eficacia da entidade competente sexa quen o peche.
Impotencia, si, esa é a sensación.

En las fotos de Patricia Quintas, (con cámara de Serafín Costas) de izquierda a derecha: Victoria Fernández, Patricia M. Pereira, Mercedes Gómez, Yolanda Gutiérrez, Montserrat Carreira y Soledad Castro. Los hombres: Serafín Costas Ramón Vilanova y Yago lago

Crónica non anunciada.

No calendario do tempo, foi domingo iniciático de primavera, no calendario atlético foi a celebración dos IV 10 Kms Cidade Universitaria, e domingo iniciático para o Circuíto Cidade de Vigo de Carreiras Populares.
Situémonos pois, en primavera e na Praza Miralles, entre edificios da Universidade e centos de non atletas e atletas inquedos, dispostos a percorrer un circuíto de 3 voltas por un anaco de asfalto, agardando un disparo que os arrinque da liña de saída. Pero antes ,un silencio nun minuto entre disparos que honra a Julián Bernal.
Co seu recordo deu comezo a encomenda dos corredores, mentres prosegue o labor da organización mentres moita resignada xente aplaude e anima.

Escríbese da carreira feminina porque nada resultou como a lóxica premeditaba e auguraba.
Claro que todo se iniciou coa normalidade normal; Marta,aí adiante seguida de Yolanda, María Jesús e Sole. Cítanse estes postos porque entre eles vai a baralla de números final. Van oscilando os postos 2º e 3º;os prognósticos empezan a romper a partir do kilómetro 3; Marta redúcese , Gestido sitúase primeira; Yolanda vaise atenuando, e Sole vai pasando, incredulamente queda perseguindo a Gestido. No kilómetro 8 as pernas de ambas andan parellas, mais as forzas empurraron a Sole, e a normalidade normal quedou anulada na liña de meta, e os vaticinios primeiros non resultaron sentencia final. Mal resultado para Marta e Yoli, boa colleita para Sole, e o Club segue gañando

Finalmente a clasificación das 4 primeiras noméase do xeito seguinte :

1-María Soledad Castro Soliño , (Comesaña Sporting Club,) 36’44»
2-María Jesús Gestido Rodríguez (Playas de Jandía), 36’56 »
3-Marta Fernández Otero (Comesaña Sporting Club), 38’26»
4-María Yolanda Guitiérrez Robles (Comesaña Sporting Club), 38’40»
5-Esther Pedrosa Carrete (Club Dptv. Universidade Sant. C.), 39’15»
6-Iria Fernández Fontenla (Ourense Atl. Academia Postal), 40’38»
Montserrat Carreira Costas foi 17 absoluta e 5 Veterana A; (45’59»); Olga Romero chegou 34 sendo segunda na categoría VFB (54’39») e Milagros Gómez Cagide acabou a súa carreira no posto 43 e 17 na categoría VFA ( 1:00’46»).
A historia en masculino conta unha carreira dominada por Hassan Lekhili,(Ourense Atl. Academia Postal) cruzando a meta en 31′:03», a 11´´ entrou Robertas Geralavicius ( USC) e con catro segundos máis foi terceiro Juan Pablo Fernández Rodrígues (S. Gimnástica de Pontevedra), de cuarto entrou Rubén Castro Portela (Ourense Atl. Academia Postal) 31’21», quinto Akka Essaadaqui (Interrunning Team) 31’47» y 6º Daniel Bargiela Araujo (Ourense Atl. Academia Postal) 31’47».
A representación e resultados dos nosos atletas foron os que seguen:
Serafín Costas : 56 e 35SNM ( 37′:30»)
Yago Lago Álvarez ;160 e SNM ( 40′:54»)

Manuel Pérez González ;179 e 39VTMA (41′:28»)
Diego Alonso Otero; 431 e 239 SNM (48′:17»)

Así aconteceu este domingo atlético-primaveral. Noraboa ás boas e malas actuacións porque as boas satisfacen sempre e as malas son momentos que superar.

Nas fotos de Antonio (Athletic’s), Sole encabeza un grupo de homes, e Serafín mostrando seu esforzo.