Crónica en Castrelos

          E foi un Abril máis para a carreira do Castro-San Miguel «Trofeo NovacaixaGalicia», e foi Castrelos tomado por pequenos e grandes atletas: nenos, rapazas, nenas, rapaces, nais, pais e outras xentes diversas: acompañantes, familiares, espectadores, viandantes, curiosos, participantes e organizantes. Tamén foi o sol, acaendo de máis en máis para lustrar a mañá e ser testemuña de primavera.

         Pode que para moitos veña sendo unha referencia necesaria no seu calendario, para compartir un día distinto, para sentir o aplauso merecido, para ofrecer os ánimos insinuados ou simplemente para estar e contemplar. Pode supoñer unha xornada iniciática, unha consolidación ou unha continuación…pero de certo que non deixa indiferente. Pode significar a renuncia de moitos, e á vez a introdución e preludio doutros moitos. A oportunidade está aí, e dun xeito mellor ou algo peor merece a pena aproveitala.
         Convocados foron escolares, pais e nais para participar e a resposta foi agradecida. Moitos corpos buliron tras unha liña de saída, nerviosos, ansiosos, desconcertados, medoñentos, ilusionados, animados e animosos. E foron moitos os que atravesaron a meta coa recompensa agardando: o afecto, un bico, unha medalla, o recoñecemento. Ata aquí o abstracto.
          En concreto negativo, cuestionamos a entrega de dorsais, que preocupou a axudantes e participantes, outro xeito de entrega podería ser reconsiderado evitando posibles aglomeracións e nerviosismo. Tamén preguntaremos aos benxamíns que tiveron ensaio e función; correr sen e con pistoletazo, ás veces pasan cousas evitables ou inevitables, pero de certo que o cabreo de moitos estivo aí. Agardaremos non ter que recorrer máis nunca a unha «real moviola».
          En concreto positivo houbo moita medalla colgada, que perdurou colgada, co orgullo de simplemente gañala prescindindo dun posto máis ou menos alá. O aprezo a este merecemento significa e fai o camiño máis idóneo e doado cara o futuro. O afán de superación e triunfo, xa virá de seu, aos poucos… Esperamos máis edicións melloradas, mellorables, e perfeccionadas e que a primavera siga a traer de ano en ano, o cros dun domingo de Abril e que o sol se achegue para saúdar, fóra e dentro. Recóllense as distintas clasificacións, elas son a testemuña primeira da numerosa resposta recibida. Que así siga sendo.  
Las fotos corresponden a las dos carreras más pequeñas, la de niños justo antes de salir y las niñas justo despues de llegar, por los dorsales se pueden identificar en los resultados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.