All posts by Soledad Castro Soliño

Dende Aquí

Hoxe neva en JAVÄSKYLA. De repente todo escureceu e a neve foi acumúlándose. Houbo sorte co sol de onte, ía moito frío, pero a luminosidade animou o Medio Maratón. A saída deuse ás doce e media (once e media no horario galego), e o circuíto percorreu en dúas voltas o lago Jyväs järvi, totalmente conxelado, a xente esquía e pasea nel, os barcos están ancorados na neve, e os bancos incrustados, medio afundidos nela.
Correndo, cando tocaba sol, as pernas e o corpo sabían responder, nas zonas sombrías, contra-aire, xurdía o bloqueo do frío, corres e corres pero semella que non avanzas. Outro enimigo foi o xeo: a auga conxelada que había polo percorrido, eran ameaza de esvarar e xa non volver ao circuíto, como aconteceu a un participante asturiano.

A fin de contas a que escribe, quedou 2 da carreira e 1 da categoría W45, o tempo invertido non supón gran mérito,( 1:22′:53″) pero vencendo o frío e o crono creo que acepto resultados e circunstancias satisfactoriamente.
Por Equipos España foi ouro en W45, acompanada estiven de Piedad Rodíguez e Marisol Ramos.
O sábado, foi día de competición para Chus e Ana. Na pista enfrontáronse ambas aos 60 m.valados.
Mala pata e tropezo para Ana, pero non dubidou en chegar a meta, clasificouse 6 W50 nun tempo de 14″44. Chus quedou 2ª W55, invertindo un tempo de 10″11, que supón Mellor Marca de Espana W55, mellorando os 10″15 dela mesma. As dúas merecen unha Noraboa por uns méritos e por outros. (O feito por Flor sa o notificou Belén.)
Desconcertaron o corpo os bruscos cambios de temperatura exteriores e interiores, mentres na pista afogabas fóra o frío `pelaba`.
A cidade permanece plácida, hoxe luns, todo está pechado. Javäskyla é de cor branca e semella adurminada baixo un manto albo, ás veces recollendo raios de sol, outras folerpas de neve.
Un saúdo dende Finlandia, como non trouxen esquis, escribo.

Na foto enviada por Ana Mª Santos, as catro «finlandesas» en Javäskyla, de esquerda a dereita: Ana Santos, Sole Castro, Chus Sanguos e Flor Guzmán.

Fin da III, comezo da IV

Coas portas abertas a un circuíto IV, consolidouse este martes, 6 de marzo, a edición III-2011, do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares . A entrega de premios escenificouse no VERBUM, nun acto que reuniu ás autoridades competentes, personalidades, premiados, prensa, implicados, representantes e invitados.
O Comesaña evidenciouse, porque a súa representación foi merecente de aplausos en ocasións diversas. Faise relación do elenco de nominados comesañenses:
Antonio Sobrado Fernández: 1º clasificado M35
Alejandro Álvarez Costas: 1º clasificado Xúnior masculino
Samuel Rodríguez Gómez:2º clasificado Xúnior masculino
Alberto Ayuso Vilaboa: 3º clasificado Xunior masculino
María Mercedes Gómez Alonso– 1ª clasificada F35
Patricia Mendes Pereira-1ª clasificada Senior-Promesa feminina
María Soledad Castro Soliño– 2ª clasificada Sénior-Promesa feminina.
A todos estes nomes as felicitacións oportunas e a todos aqueloutros que mencionados non foron, tamén a nosa consideración, por ter participado, por ter, ou non ter acadado, obxectivos propostos e improvisados.
En positivo se valora a iniciativa que acolle e percorre Vigo en tempos e distancias dispersas.
Que Boa colleita se apañe na IV edición!
A posteriori: introdúcense disculpas por omisión. A noticia elaborouse visualmente e non auditivamente. Para Alberto, que grata é a súa presenza.

Sábado sur de 3.000, domingo norte de cross.

Ata Valencia chegou Carmela Cardama, porque alí habíase celebrar o Campionato de España Xuvenil en Pista Cuberta. O sábado pola tarde correu o 3.000 m.l. e na meta foi terceira. Non nos queda aquí máis remedio nin alternativa que deixar unha dupla NORABOA, pola marca mellorada, 10’13″24, e polo posto. Bronce de Carmela e que máis gratas noticias protagonice.
Noutra dimensión atlética, noutra xeografía, noutra disciplina máis nomes comesañenses escriben un domingo matutino en Xixón, porque alá foron formando parte da Selección Galega de Cross. Yolanda Guitérrez rematou 2ª galega, por detrás de Solange Andreia Pereira,(14ª) acadando o posto 48º(39ª sénior). Outro filandés, Samuel Rodríguez liderou o equipo galego Promesa masculino co seu posto 50º e a Promesa feminina Silvia Veira, foi a 3ª en puntuar para unha sexta praza do equipo, e 37 ª clasificada.
Para eles vai a inevitable felicitación, despois da chuvia e da lama percorrida.

En Padrón, na 10ª.. … o primeiro 10 Km.

A Décima de Padrón, estreou circuíto homologado: 2 voltas de cinco kilómetros pola beira urbana e non urbana do río Sar . Con aparcadoiros reservados para a ocasión, cánto máis se achegaban as seis da tarde, o ambiente máis se definía. Con vento lixeiro, e sol inesperado a tarde no Campo da Feira tornouse atlético festiva.
Iniciouse coas categorías menores e as súas carreiras correspondentes; a partir de xuvenil (irregularmente incluída) ata veteráns (non concordantes co as establecidas federativamente) foron congregados na disputa dun 10Kms.
A saída organizaouse en caixóns segundo as marcas dos participantes. O Comesaña S.C. estivo alí lúcido e lucido, representado por 7 atletas que tiveron a ben achegarse á vila dos pementos , de Rosalía de Castro, do fume de Finsa, de Iria Flavia e Camilo José Cela…
Germán Díaz Alonso, con síntomas de cansancio previo entregouse nos 5 primeiros kilómetros e sucumbiu nos outros cinco: traballo, crise, competición, adestramento… pésima combinación para óptimos resultados, para Él ánimos que mellores tempos han vir co crono e coas circunstancias. Carmen Penas Blanco,

sempre co seu sorriso disposto segue as perspectivas de mellora en mellora, que así continúe e grandes cousas agarden. Águeda Ofelia Blanco Pérez , despois do seu silencio quixo dar que falar nesta carreira, como Río Guadiana aparece e reaparece misteriosamente, ben voltado misterio e que moitas máis superficies percorra. Milagros Gómez Cagide, protestaba polo cansancio, merecido descanso para esta meta que se suma, e resta ás moitas que aínda quedan por acadar por descansar. Ramón Vilanova Souto, cumpriu os seus dez kilómetros que nada supoñen despois de ter experimentado un chisco máis de 42. José Manuel Lorenzo Fernánde rematou a súa carreira, nun 1, nun 2 , nun 3 que xuntos dan 123, por separado sería triple podio.Soledad Castro Soliño, correu coa raiba dentro, que lle valeu para coller en carreira a Filipa Almeida, e loita con loita, poder superala nos 2 kilómetros finais. Non serviu para erradicar a raiba pero amorteceuna, porque as metas son distintas pero sempre resultan agradecidas.

Despois dun chisco de espera no Auditorio fóronse entregando os distintos premios anunciados,
Menciónase o podium da carreira absoluta masculina:
1º-Akka Essaadaoui: 30’46»
2º-Robertas Geralavicius ( SGP): 31’36»
3º-Manuel Hurtado Sanjurjo(OAP): 31’41»

Ao podio do carreira absoluta feminina subiron:
1ª-Rafaela Almeida (SLB, Porto): 35’30»
2ª-Fernanda Miranda ( SC de Braga):36’38» – 1ª veterana «A» (35 a 44)
3ª-María Soledad Castro Soliño (CSC):37’26» -1ª Veterana «B»(45 / 54)

Merecidos primeiros postos en ambas carreiras, tendo en conta os tempos de vantaxe sobre os segundos.

A representación do Comesaña S. C. escribímolo do xeito que segue:
57º-María Soledad Castro Soliño, xa mencionada
86º-Germán Díaz Alonso: 46ºVTAM-38’33»
91º-Carmen Penas Blanco:3ªSNF-38’40»
96º-Águeda Ofelia Blanco Pérez:4ªSNF-38’50» (Sen Licencia federativa)
123º-José Manuel Lorenzo Fernández: 65ºVTAM-39’29»
355º-Ramón Vilanova Souto: 46ºVTB-45’09»
579º-Milagros Gómez Cagide: 7ªVTF-57’47»

Se prescindimos pois, de internacionalidades, o podio «nacional» estaría representado polo Comesaña S.C. en pleno: Sole, Carmen e Águeda.
Estímase nesta crónica a participación portuguesa, pero tamén se cuestiona a presenza. Existen normas, , non é difícil cumprilas, peor pode resultar deslixitimar a posteiori por incumprimento. Os dereitos e deberes non exclúen nin privilexian a ninguén e asumilos fainos máis sabios.

Padrón abriu e consolidou a noitiña, con atletas e acompañantes en retirada, organizadores ultimando, personalidades cos trofeos e agasallos entregados, e unha edición máis que se supera para poder facer 11.
O noso recoñecemento ao evento en si, e ao esforzo da súa organización, nestes tempos revoltos.

A foto de Suso, non se corresponde coa carreira pero si con Padrón e o esforzo de «Mela» nas súas rúas.

Aquí acaba.

Que me perdoe a existencia enteira, por terme clasificado sexta. que me perdoe tamén a inxenuidade, e por ter alimentado unha ilusión fiticia. Que me perdoe por non me ter considerado excesivamente maior para participar nun campionato de cross absoluto, pero si o suficientemente maior para saber aceptar decisións e actitudes coas que non concordo. Declaro a miña culpabilidade.
E que me perdoe o Comesaña por valerme das súas páxinas para exonerar un chisco de culpa, porque por suposto que quixese ir coa selección, por suposto que era un grande reto, por suposto que mantiven a confianza acendida,… Pero extinguiuse, e as chamas apagadas ás veces ao voltar acendelas queiman. Fun chamada en calidade de suplente pola renuncia dunha atleta seleccionada e pronunciei o non, que é a razón deste escrito. Non foi fácil pronuncialo, e levou moita tristeza nel. Non significa desconsideración cara á selección, só consideración coas miñas razóns.
Perdoénme vostedes, que len, por tanta teima. Prometo que aquí finalizo, cun pouco de raiba e con moito de agradecemento.