Tocaban cambios, coma de cando en cando, coma noutras moitas veces. E coma todas as veces, co material preciso encamiñeime cara ao punto de encontro; a casetiña con puntóns a xeito de percheiro; un improvisado vestiario compartido con asiduos e ocasionais; táboa sobre táboa proporciona un teito relativamente eficaz, pero imprescindible.
En cuestión de roupa, hai unha de quita e despois pon; coma rito condicionante da rendabilidade e calidade das voltas, do tempo . E como eran cambios, desprenderse da vestimenta inicial permanecendo coa indispensable viña sendo actitude prioritaria, quizais para sentir a coherencia, absurda?, de que levas a indumentaria axeitada ao adestramento.
E seguindo ritos, cologuei a roupa de quita metida nunha bolsa, saudando a unha xove parella sentada no banco da casetiña. Alá fun; comecei o meu correr cumpridor absorbida por un crono, por unha distancia, teimando nas sensacións, preocupándome polo cambio seguinte, qué diría o meu corpo. Así foron transcorrendo un tras outro; lento, rápido…Á fin pensei que tampouco resultaran tan malos coma previamente supoñía e respirei co alivio de poder volver xa á roupa de pon. A xove parella xa levantara, non sei en que momento decidiron marchar. Fun cara aos percheiros e os ollos golpeáronme; tardei en reaccionar e asumir a obviedade; xa non había bolsa nin roupa. Todo aquilo que me acompañara nun adestramento máis desaparecera de min, e tiven a certeza de que había ser para sempre. Con todo, preguntei escoitando as respostas temidas e sabidas: ninguén veu nada.
Pensei e pronunciei a palabra temida «roubáronme» e un desequilibrio emocional situouse no espazo , involuntariamente. Fixen reconto e sentín mágoa pola roupa de quita, agora perdida, e máis que mágoa foi a raiba, e máis que a raiba foi o fracaso. O saber que alá se foron anos e anos de fe, de presentir que Castrelos era un chisco teu, meu, noso…daqueles que lles dan voltas día a día . Alá fuxiu a inmunidade crida, a seguranza nun acordo tácito entre Castrelos e os asiduos ou ocasionais que o percorremos. Era mentira, algo e alguén matou o rito da roupa de quita e pon, agora consideraremos a roupa de pon, sen quita…porque se non onde se pon?.
O preludio a este escrito sitúase noutros días, nuns paus atravesados que prestaban un servizo desinteresado xunto con outros aparellos que lle naceron a Castrelos e que agradecidos son. Eles despareceron e non se sabe que outros servizos andan a prestar.
Aquí queda pois un requiem de paus e roupa e unha palabra máis no vocabulario ritual de adestramento «roubo». e que ben aproveitado sexa o roubado.