O domingo 27 de novembro, o Comesaña Sporting Club, organizará un ano máis o “Memorial Belarmino Alonso de Campo a Través” en San Andrés de Comesaña.
O Belarmino e un clásico en maiúsculas, é a competición de campo a través máis antiga de Galicia (sen ter en conta os campionatos galegos), iniciouse en 1978 en homenaxe ao directivo do Comesaña Sporting Club, Belarmino Alonso Fernández, pola súa entrega ao club, falecido en 1977. Neste evento inténtase preservar a entidade do Campo a Través, sinónimo de austeridade, tenacidade e superación. Transcorre entre corredoiras, prados, campos e unha pequena carballeira. Caracterízase pola súa dureza, a lama, os constantes cambios de ritmo, na que os participantes poden experimentar as sensacións do Cross nos seus inicios. É un encontro coas orixes dos que amamos e gozamos deste nobre deporte.