Mª Soledad Castro Soliño (Mos 25/05/1965), ten entre os seus logros deportivos o de ser a única persoa que representou a Galicia en 25 Ctos de España Absolutos de Campo a Través, algo para o que necesitou case 37 anos de entrega ao atletismo, a súa primeira vez foi en Fene o 10 de marzo de 1985 e a última o 30 de xaneiro de 2022 en Jaén (as outras 23 ocasións foron nos anos: 1986, 1989, 1990, 1991, 1992, 1993, 1994, 1995, 1996, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008, 2009 e 2011) e o día 6 de febreiro escribeu o que segue: texto en español
«Ás veces a realidade transcende os pensamentos e sitúase na posibilidade non pensada, no grato inesperado ou no revés imprevisto.
Vén a conto a reflexión para introducir unha revivenza. Despois do tempo, xa non sei cánto, o cross ascendeume ao absolutismo; e alá me levou a Jaén , como compoñente da selección galega nos Campionatos de España. As circunstancias así o propiciaron. Resultou unha nova experiencia comparativa do pasado e recoñecedora dun presente e sempre grata.
Fun teimando que a fortuna amparase o esforzo e refrendase o contento da participación; pero non sempre os fados responden e durante os dez kilómetros e pico de carreira, calaron e non quixeron intervir para mitigar o cansanzo de kms rodados.
Correr sensitivamente coa ansia de avanzar e non saber invocar as forzas durmidas mentres a impotencia vai tragando os ánimos.
Quizais, no caso, os resultados non son bos nin malos, só son. Pero non me deixa tranquila a sensación de ter corrido do revés. Para atrás. Volvería repetila con pleno convencemento.
O escrito non pretende ser xustificación, simplemente considerar o componente afectivo e expresarme dende él. Porque os ánimos estimularon o apetito de querer estar e sentir que mal ou ben o recordo sempre queda nun limbo agradecido. Grazas por iso.
Disto xa vai unha semana, e sigo a pensar que ao mellor o tempo é unha invención, plasmada en feitos pretendidos ou consolidados, que se miden e permanecen como referentes vitais, que se relativizan e dimensionan dependendo da transcendencia que se lle queira outorgar. Hai horas e horas vacías, e hai segundos eternos, de espera ou de gloria…Entón o tempo somos nós, que o conformamos segundo as circunstancias, dos recordos, ou ilusións. Ou en metas traspasadas, ou aínda non acadadas. E ao mellor o atletismo é iso o sen tempo porque simplemente é o rival que motiva en continuo desafío»