Choveu na Octava Solidaria, ou non, máis ben auga e vento foron elementos participativos, porque a súa presenza intesificouse na liña de saída e constantes continuaron, completando un percorrido de 2 voltas que sumaban aprox. 4 kms. Atravesaron a meta e ao pouco ausentáronse para que un timorato sol fose esperguizando o ano 13.
Con memorable molladura lembraremos esta San Silvestre de Castrelos; nomearémola chapuza; terra, auga, herba, máis auga…combinación idónea para un barro sublime, que se ía desprendendo coa fluencia dos charcos.
O asombroso desta Octava remítese á xente: aos participantes que con talante festivo non dubidaron en permanecer na liña de saída agardando o disparo que o Concelleiro de Deportes efectuou, malia as ingratas inclemencias climatolóxicas; aos organizantes o Club Atletismo Vigo, que non desistiron do evento malia as adversas e ameazantes circunstancias climatolóxicas; aos axudantes e voluntarios que ofreceron o seu tempo malia as reviradas condicións climatolóxicas, aos patrocinadores e equipo loxístico que consolidaron o seu traballo malia a revirada climatoloxía; aos sufridos espectadores que co seu aplauso, lograron espantar a furia dos elementos climatolóxicos.
Á fin da carreira agardaba un chocolate quente e outras viandas para recuperar o corpo do susto e esforzo. Mentres, un sorteo de agasallos daba fortuna a variados dorsais…Non houbo vencedores, todos vencemos e algo vencidos quedamos. O azar dun número foi premio para algúns, e cadaquén premiouse como soubo. O trofeo prinicipal levouno o Banco de Alimentos e toda esas persoas que fixeron posible que así fose.
Permaneceremos á espera de que unha Novena nos ofreza de novo a identidade dunha imaxe: xente
con atuendo deportivo camiñando ou correndo cara Castrelos cunha bolsa (de alimentos) na man, non se sabe se con paraugas ou non. Que a molladura vaia secando para poder recibir outra, se o caso é.
Bo Ano 13, e que o número se desmitifique, que poidamos desmitificalo e desprendelo das connotacións negativas que se lle atribúen, que boa sorte nos traia.