Agosto leva na porta pechado por vacacións; é o mes que se deita ao sol, e anda coa casa ás costas, coma caracol. Agosto semella non traballar, senón para facer máis contable e inmortal o disfrute de outros. O mes durme a aspereza de horarios e rotinas inquebrantables.
E non por ser agosto, se atreve este escrito. pero é que ás veces as obviedades asimiladas espertan para volverse obvias. Penso aquí no exercicio do tempo, da relatividade e do recoñecemento. E entón sae de dentro ,vendo cara fóra ,a reflexión.
Dende un labor previo o estatus actual en moitas facetas deportivas, foise acadando co traballo, encono e ilusión dun concelleiro que hoxe xa non é.
Falemos e citamos a Xabier Alonso para expresar unha débeda imaxinaria, ou non, por terse preocupado por pequenas e grandes cousas que afectan ao deporte dende todas as perspectivas mirables. A mirada desta opinión póusase no atletismo porque máis coñecemento da cousa se ten. E a través del considero actitudes e obras que apareceron feitas e consolidadas , outras conseguidas e non conseguidas e tamén as inacadables e inacabadas. Un continuo rebulir de proxectos e intencións que callan ou calan sen máis. Eu non sei numerar nin citar, pero en abstrato e inasiblemente dou voltas a unha esfera: facer-desfacer-refacer-facer…Esgotouse o tempo, os anos , expirou a posibilidade dunha continuación .
É así, o tempo, o relativismo, o recoñecemento.
O tempo traiciona, revive e sepulta; o relativo cuestiona e valora: e o recoñecemento pola labor desenvolvida aquí queda aproveitando as licenzas que o meu Club outorga para expresármonos.
Mentres, Agosto durme o soño das vacacións.