O Grial foi obxectivo e misterio que os Cabaleiros da Táboa Redonda pescudaron en constantes aventuras. O mito da súa existencia e significado atravesou o tempo e volveuse lenda, historia, literatura, cine…recreación, inspiración e referente de mundos máxicos e inexistentes?. O Santo cáliz e o seu mito permanecen aínda hoxe en interrogante…Estará no Cebreiro?.
A actualidade ofreceunos nestes días un Grial de carácter ben distinto: «Operación Grial», así foi chamada, quizáis porque veu afectando a heroes e ídolos, a persoeiros da dimensión deportiva. quizáis porque o achado tamén levou o seu tempo. Sen cabalos nin espadas, armados coa loxística precisa, salvando dificultades diferentes, e con obxectivos concretos iniciaron a súa encomenda os cabaleiros da Antidopaxe; e houbo vencedores e vencidos. En Valencia apareceron papeis e substancias non dignas da honra dun cabaleiro. Foi en Valencia pero a súa repercusión atravesará fronteiras coñecidas; foron nomes pero a tremoia e os roles porán en escea outros non mencionados.
A descuberta deste actual Grial non fornece ídolos e mitos, máiss ben matounos, arrubounos, do xeito máis innobre e vil : morreron «de mentira» coa mentira.
A min non me fagan moito caso, eu só escribo; son unha profana na materia de Operación Grial, e sitúo a fe no santo Grial; naqueles cabaleiros que levaban espada e escudo por defender a integridade do seu honor.
Ata o de agora afírmase que a inocencia permanece mentres a culpabilidade non sexa manifesta; mais o panorama e horizonte que se ofrece non revela nada edificante nin prometedor para dignificar e recoñecer o rol dos atletas de honra.